Porén, outros autores citan unha serie de posibles inconvintes.
Nas derradeiras décadas, a televisión, as computadoras e logo os dispositivos móbiles medraron ao redor do mundo e o eido do ensino, pero aínda así, hai algúns estudantes que prefiren un aprendizaxe máis tradicional no que respecta a cuestións prácticas. Ao igual que hai profesorado e proxenitores que pensan que poden ser unha fonte continua de distraccións. De seguido veremos que puntos poden ser un atranco:
Necesidade de ter un dispositivo no que visualizar o material audiovisual. A internet non chegou por igual a todas as zonas do planeta. Por tanto, moitas persoas en todo o mundo non teñen acceso a estes vídeos por esta simple razón. En Galicia, dependendo da localidade e das parroquias pode haber diferenzas significativas entre o alumnado dunha mesma aula. Isto é máis patente nas zonas rurais e fíxose visible durante o confinamento académico provocado pola Covid no curso 2019/20.
Dificultades coa edición e estado final dos vídeos.
Unha vez creado o audiovisual e subido á rede, é difícil editalo en caso de correccións. (Aínda que este punto pode arranxarse usando Vimeo que permite cambiar un vídeo sen perder a ligazón orixinal)
Falta de control sobre o alumnado. Sempre hai algúns alumnos con menor motivación, así que ao usar este método de instrución poden ralentizar a aprendizaxe, xa que non hai un tempo específico para organizar o estudo e deben aprender a organizarse por si mesmos.
Tamén é máis doada a procastinación e que o alumno salte rapidamente a outro vídeo que non teña nada que ver coa súa formación académica ou persoal.
Os vídeos tenden ao individualismo, o que pode facer que a educación sexa máis difícil, xa que o traballo en equipo ou a aprendizaxe en grupo permite ao alumnado compartir as súas habilidades e resolver os problemas máis facilmente.
Os estudantes poden estudar ao seu ritmo, pero tamén pode considerarse unha desventaxa nalgúns casos, se este non é o debido e considerado polos profesionais da educación ou proxenitores.
O enfoque da instrución: A utilización de vídeos de instrución pode non atraer a algúns alumnos debido á falla de experiencia, en particular cando se require que os alumnos realicen algunhas actividades intensas ou sexan pragmáticos. O alumando pode preferir ler textos e discutilos na aula, no canto de ver vídeos instrutivos
Problema de illamento ou ineguridade. Hai alumnos que se sinten máis cómodos ao preguntar as súas dúbidas de xeito directo e así obter unha resposta instantánea cando aprenden un novo tema. Os vídeos non proporcionan aos estudantes unha resposta instantánea, polo que os alumnos poden sentirse illados ou intranquilos ao non contar coa figura do seu profesor.