Máis difícil é facer a definición dun vídeo ou un audiovisual educativo, xa que cada vez resulta máis complexa coa chegada de novas tecnoloxías e formatos que desdibuxan os seus límites. Pero primeiro deberíamos coñecer as súas orixes.

Desde a aparición do cine pensouse que este tiña potencialidade para a aula, seguindo así unha sucesión lóxica posto que xa houbera exemplo disto coa radio. No 1907 o produtor Charles Urban dicía que a imaxe en movemento era unha ferramenta candidata a substituir os textos impresos e Charles Edison, no 1913, dixo “Os libros pronto quedarán obsoletos nas escolas. Os estudantes axiña instruiranse a través do ollo. É posible tocar cada póla do coñecemento humano coa película”, pero como ben sabemos todos, estes alegatos tardaron un pouco máis do pensado en chegar.
A principios dos anos 1930, producíronse programas experimentais de ensino por televisión na Universidade de Iowa, a Universidade de Purdue e o Kansas State College. Con todo, non foi ata a década de 1950 que se ofreceron cursos universitarios a través da televisión. (Simonson et al., 2006)
En España, as misións pedagóxicas da Institución Libre de Enseñanza, que levaban propostas relacionadas coa cultura e a educación ás zonas máis deprimidas do país, tamén fixeron proxeccións de cine entre os anos 1931-36 dentro do seu “Servicio de Cine y Proyecciones Fijas”.
Porén, a mediados do século XX, en moitas escolas, con sistemas educativos con posibilidades económicas, introduciron proxectores de cine para facer sesións con documentais, películas e pequenas vídeo leccións. É dicir, tanto desde un punto de vista plástico e de lecer, para gozar do cine, ou como transmisor de coñecemento en vídeo, o cal recollía unha corrente nada entorno aos anos 20 coñecida como “instrucción visual”.