Captúrase a pantalla ao mesmo tempo que o profesor fala a unha webcam cun encadre que adoita ser en primeiro plano (desde a cabeza ata os ombreiros) aínda que pode haber variacións.
Un dos software máis usado é camtasia studio, OBS studio e programas online como screencastomatic (https://screencast-o-matic.com/) ou os citados no tipo anterior.
Debido á proximidade do profesor á webcam colocada sobre o computador, o profesor adoita aparecer nun encadre que vai de primeiro plano a plano medio.
Debemos tentar que a webcam non esté moi angulada, buscando unha toma perpendicular ao profesor. Tamén debemos evitar gravar en lugares con fiestras ás nosas costas ou obteremos un contraluz nada desexable.
Pódese usar un croma detrás do profesor para facer desaparecer o fondo do estudo, superpoñéndose ás diapositivas e dar sensación de integración como é no caso de Bozeman Science no vídeo de abaixo.
Consello: aposta por un plano medio ou por un primeiro plano. Se escolles un único primeirísimo primeiro plano da túa cabeza por moito tempo o resultado pode quedar un pouco ridículo.