Realiza o teu guión con calma. Elimina todo o innecesario e concéntrate na información crucial. Se non tes tempo para facelo con calma porque vai ser unha gravación provisional, ou aínda non descubriches o aforro de tempo que che vai supor no futuro, polo menos fai un borrador con pasos, epígrafes ou palabras chave a desenvolver.
Antes de empezar a gravar, apaga todas as túas notificacións do teu ordenador. Estas inclúen as do sistema operativo, as túas redes sociais o navegador, os recordatorios de reunións, as notificacións de texto e calquera outro programa que poida obstaculizar a gravación. Por suposto, pon o teu móbil en modo avión.
A gravación de pantalla tende a necesitar moita potencia de procesamento da túa computadora. Pode ser útil apagar todos os programas que non precises mentres gravas. Isto vai axudar ao rendemento do equipo e a eliminar posibles distraccións visuais
Limpa o escritorio do teu computador se o vas mostrar en pantalla ou grava nunha segunda pantalla que estea limpa. Isto significa ocultar todas as iconas e cambiar a imaxe de fondo para eliminar as distraccións. Os fondos sutís adoitan ser os mellores. Isto mesmo é válido para os fondos de estudo que se verán a través da túa webcam (no caso de empregala). Busca algo limpo, ordenado e que se te vexa ben iluminado, sen contraluces e ben encadrado, cos ollos á altura da cámara.
Reúne e prepara todos os arquivos que necesitarás para facer a túa gravación antes de comezar. Crea un cartafol co nome do proxecto subdividido nos recursos que vas empregar. Por exemplo: presentacións e pdf, vídeos, audios, imaxes e guión.
Despois de reunir os materiais, practica o teu guión ou repasa as túas anotacións coas palabras chave que marcarán a túa narración. Toma nota de onde se abren as novas xanelas. Se é posible, trata de colocar todo onde o necesites para non perder o tempo.
Se estás a gravar o teu navegador pode ser interesante limpar o historial, pestanas que non interese mostrar á xente ou as extensións e os marcadores do navegador. Truco: Algúns navegadores facilitan a creación de perfís – configura un limpo para facilitar a preparación da gravación de pantalla ou usa un perfil de incógnito.
Lembra que é mellor que fagas varios vídeos curtos (3 minutos para vídeo titoriais e 5-9 minutos para vídeo leccións) que un único vídeo longo. Así que fragmentar a información en varios vídeos pode ser boa idea.
A calidade de audio importa moito. Xa o di a palabra “AudioVisual”. O audio é o 50% do teu vídeo. Mellor un vídeo desenfocado con boa calidade de audio, que un moi nítido no que non se escoite ao narrador. Un micro de lapela, de diadema ou de estudo son mellor idea que os que traen de serie os portátiles. Aínda así, podes facer unha captura na que só haxa imaxes e textos (aínda que para iso, tamén podes facer unha presentación de diapositivas…)
Fai algunha proba de de 5-10 segundos para previsualizar como se verá e escoitará. Isto evitará posteriores erros. Proba gravar a pantalla completa e logo axusta o tamaño da produción no teu editor. Lembra especialmente manter as proporcións. Trata de comprobar que non haxa ruídos molestos darredor como fluorescentes ruidosos, o robot aspiradora limpando no teu cuarto, ou que por algún motivo teñas a lavadora centrifugando ao carón do teu lugar de gravación….
Usa o cursor do rato para dirixir a atención dos espectadores movéndote cara o botón ou área da que esteas a falar. Pero non os uses de maneira rápida nin frenética. O punto está na mesura. Se tendes a mover o rato moi rápido porque es un pouco bulebule, podes cambiar a velocidade do cursor do rato na configuración.
Pode que queiras cambiar o tamaño do cursor do rato, aínda que algúns programas de gravación de pantalla como Camtasia Studio permitiranche facelo posteriormente na edición.
Cando graves co teu computador ou dispositivo móbil e aínda que non esteas diante da cámara, lembra facer acenos coas mans e cabeza. Isto fará que soe máis natural mentres falamos, xa que introducimos matices na nosa voz e mellora a prosodia..
Usar unha webcam é boa idea, pero NON indispensable. Non tes porque estar sempre saíndo no plano, podes irte a off cando queiras, pero a túa presenza aporta credibilidade ao vídeo. As túas xesticulacións e expresións engadirán matices ao teu discurso. Isto implica mirar a cámara cando falamos.
Ten a man un vaso con auga para beber pequenos grolos de vez en cando que axuden a ter a túa gorxa limpa e que a túa voz soe xenial e vibrante.
Grava e edita primeiro o audio en off ou coa túa webcam e logo grava o contido da pantalla para que coincida. Desta maneira podes editar a gravación para que se vexa perfecta. (Aínda que un truco pode ser acelerar algunhas seccións das capturas de pantalla). Lembra que é mellor un ritmo normal ou incluso rápido, a un lento que durma aos nosos espectadores.
Se cometes un erro, fai un asubío ou un toque rápido no micrófono como sinal visual dun problema, quedará rexistrado na onda de audio de xeito visual e tamén poderás buscar os fotogramas pola webcam. Cando busques esa sección para cortala e eliminala será todo moito máis rápido.
Lémbrate de compartir o teu vídeo nalgunha plataforma de distribución de vídeo como YouTube ou polas redes sociais. O teu traballo pode ser útil para outros compañeiros e alumnos e no eido educativo está xenial compartir e colaborar.